Monday 20 de May de 2024

O Concello inicia as obras para a mellora das fachadas da EIM Os Cativos de Palavea


A actuación conta cun orzamento de 82.860,80 euros e un prazo de execución de seis semanas

O Concello iniciou as obras de mellora das fachadas da Escola Municipal Infantil (EIM) Os Cativos, no barrio de Palavea, co obxectivo de corrixir as deficiencias presentes na fachada sur do edificio. A actuación forma parte do calendario de intervencións previstas polo Goberno de Inés Rey para o acondicionamento e mantemento dos centros educativos da cidade.

A fachada do centro presentaba varias deterioracións relacionadas co illamento térmico e humidades, así como pequenas fisuras e escachamentos froito dos efectos da climatoloxía.

A mellora da fachada supón a corrección destes danos así como o acondicionamento do edificio, engadindo un sistema de illamento térmico exterior para unha maior eficiencia enerxética e protección da fachada. Retiraranse, ademais, as reixas metálicas presentes nas fiestras e substituiranse as carpintarías exteriores por unhas novas con mellor comportamento térmico.

A obra, que comezou a pasada semana, ten unha duración estimada de seis semanas para a súa execución e conta cun orzamento de 82.860,80 euros. De acordo co calendario escolar, o inicio do curso nas Escolas Infantís Municipais está previsto para o día 6 de setembro. As obras non afectan ao desenvolvemento das clases nin á seguridade do centro de xeito que as familias usuarias da EIM Os Cativos poderán facer uso do servizo con normalidade. A intervención foi unha das propostas gañadoras dos Orzamentos Participativos do pasado ano, sendo moi demandada polas familias e docentes da EIM Os Cativos.

Máis actuacións en marcha

O Concello da Coruña programou para este verán un total de 135 actuacións de mantemento nos diferentes centros educativos da Coruña co fin de dar solución ás incidencias comunicadas dende os colexios e escolas infantís.

Ás pequenas intervencións como arranxo de persianas, cisternas ou incidencias eléctricas súmanse outras de maior envergadura como as iniciadas na EIM Caracola para o arranxo de humidades no centro. Os traballos consistiron na limpeza de caleiros, corrección de zonas danadas, substitución de zonas de falso teito ou xeso de paredes que presentaban danos de pintura dos espazos.

Outra das actuacións en marcha correspóndese co acondicionamento das aulas da EIM Luís Seoane. Esta obra é froito do traslado dos nenos e nenas da EIM de Montealto, que logo do inicio dos traballos para a reforma do Mercado, praza e Escola Infantil. A intervención, que conta cun orzamento de 33.267,23 euros, consiste na ampliación e adaptación das aulas para unha maior capacidade.

O Goberno de Inés Rey destinou un total de 2.569.789,04 de euros no pasado mandato a intervencións nos centros educativos.